Actualidad y noticias

06/10/2020
PUBLICACIÓN DO FALLO DO VIII PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA

“PATRIMONI…ANDO NO IES DE PONTE

CALDELAS”, PRIMEIRO PREMIO ESCOLA VIVA

 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020. O traballo “Patrimoni…ando no IES de Ponte Caldelas”, das profesoras Isabel Torres Jack, Susana Trigo Arcos e Sabela Otero Gago do IES de Ponte Caldelas, acadou o primeiro premio á Innovación Educativa Escola Viva 2020. A edición deste ano, como case todo no 2020, tamén foi afectada pola pandemia da COVID-19, e por iso, retrasouse o fallo do xurado, que normalmente coñécese no mes de maio.

 

En “Patrimoni…ando no IES de Ponte Caldelas”, o profesorado busca promover no alumnado o interese pola cultura tradicional, introducir ao alumnado na investigación e utilizar ferramentas PIC no estudo da cultura tradicional, para lograr que “o alumnado coñeza, valore e estime o patrimonio do entorno onde vive, facendo unha investigación de rescate patrimonial en equipo dende un enfoque interdisciplinar”. O primeiro premio foi galardoado con 1.500 euros.

 

O segundo premio, de 800 euros, foi para o traballo “Inclusión” do IES O Ribeiro, de Ribadavia, que foi presentado por José Antonio Fernández Ferreiro, director do centro, en representación do profesorado implicado nesta proposta. O proxecto centrase na vida dun alumno do centro con capacidades especiais, cunha planificación centrada na persoa e coa finalidade de recoñecer o gran esforzo feito por el durante todo ese tempo. Preténdese que a súa experiencia non sexa unha cuestión puntual e excepcional.

 

Ademais, o xurado decidiu outorgar dúas mencións honoríficas. A primeira foi para “A humanización educativa da escola hospitalaria e dos espazos de atención á infancia hospitalaria”, da profesora Pilar Porta Rodríguez,

 

 

 

da Aula hospitalaria Arquitecto Marcide (CHUF-Ferrol), mentres que a segunda recaeu en “Cidade verde”, do IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, representado pola directora do centro, Juana Mouriño.

 

Estes premios, aos que se podían presentar profesores de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria, Ensinanzas Artísticas e de Réxime especial e Formación Profesional de centros públicos e concertados, teñen como obxectivo recoñecer o labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadoras nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado.

 

 

A pesar da pandemia, houbo unha moi importante participación, con 52 propostas nas que estiveron representadas as catro provincias e tanto institutos como colexios. Unha vez máis, destacar o esforzo do profesorado por innovar e por presentar novidosos e interesantes proxectos, nos que os máis beneficiados son sempre os seus alumnos/as.

 

 

O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia e Escola Viva levan xa moitos anos colaborando nesta iniciativa que ven cubrir un baleiro existente por parte das administracións, que non incentivan e apoian ao profesorado nesta aposta pola innovación. Esta é a oitava edición deste premio que comezou no curso 2003-04. Celebráronse dúas edicións consecutivas e volveuse a convocar no 2014/15 e dende aí convocáronse todos os anos.

 


Documentos adxuntos a este artigo: NOTA DE PRENSA VIII PREMIO INNOVACION EDUCATIVA  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia