Actualidad y noticias

11/11/2014
Atención á discapacidade. MAÑÁ 12 DE NOVEMBRO, CONCENTRACIÓN ANTE O PARLAMENTO POLA SUBROGACIÓN DOS TRABALLADORES DE SAN FRANCISCO

Os sindicatos representados no comité de empresa da Asociación Galega San Francisco, FETE-UGT, CIG e CCOO, convocan para mañá 12 de novembro (15:00 horas) unha concentración diante do Parlamento de Galicia á mesma hora na que,  previsiblemente, a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, responda a unha interpelación de parlamentarios do BNG respecto á adxudicación de 73 prazas de atención á discapacitados intelectuais á empresa privada Doral Residencias en prexuízo de AGASFRA (Asociación Galega San Francisco).

Esta asociación, moi enraizada en Vigo, leva prestando este servizo desde hai 47 anos no seu centro de Coia, pero como consecuencia da adxudicación a Doral Residencias 20 traballadores deste centro poden perder o seu posto de traballo e 73 usuarios deberán ser reubicados nun novo centro no concello de Mos.

Reiteradamente en concentracións como a celebrada o pasado día 29 de outubro, tamén diante do Parlamento, ou a manifestación que tivo lugar o 30 de setembro polas rúas de Vigo, os usuarios e os seus familiares, así coma os traballadores amosaron o rexeitamento a esta adxudicación.

Apoio do Valedor. O Valedor do Pobo en resposta aos escritos presentados polos familiares das persoas con discapacidade, traballadores do centro, sindicatos e entidades de iniciativa social manifestou que existían alternativas legais para manter o sistema de funcionamento público das prazas de AGASFRA e que debera terse en conta a vontade dos afectados de forma relevante. O Valedor do Pobo sinala ademais  que o convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención á discapacidade prevé a subrogación obrigada por parte da empresa mentres que nos pregos non se menciona a necesidade desa subrogación.

Desta forma, o Valedor do Pobo dirixiuse á consellería “co fin de requirir que con urxencia se facilite aclaración detallada sobre os extremos mencionados, posto que o proceso emprendido pode resultar prexudicial para as persoas usuarias e afectar a algún dos seus dereitos”.

Ademais, con data de 7 de novembro, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contraactuais dependente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, ante o recurso presentado por AGASFRA pola adxudicación dos servizos devanditos a Doral Residencias, resolveu de forma provisional que se debe manter a suspensión do expediente de contratación.

Así pois, son moitos os argumentos que nos reforzan na nosa esixencia de que se deteña de forma definitiva este proceso adxudicatario polos prexuízos irreversibles que podería ter para  os usuarios e os traballadores.

Por iso animamos a toda a cidadanía a que participe na concentración que imos realizar o mércores diante do Parlamento de Galicia ás 15:00 horas, momento no que probablemente Beatriz Mato, responsable desta política que só atende a intereses económicos e ansias privatizadoras, responderá á interpelación dos parlamentarios do BNG.

FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia