Onte, día 25 de abril, FeSP UGT xunto cos demais sindicatos do ensino concertado( FSIE, CCOO, FEUSO e CIG Ensino) entregaron cinco mil seiscentas sinaturas no rexistro da Xunta e solicitaron unha xuntanza onde abordar os problemas do noso sector. Todo isto enmarcado nunha concentración de máis de 250 delegados de persoal de toda Galicia. Foi a resposta necesaria a este goberno, xa que o pasado día 4 deste mes solicitouse por escrito no rexistro da Consellería a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC) e o silencio foi o único recibido por parte da Administración ata o de agora. Por iso os sindicatos volvemos á rúa para facer escoitar as peticións dos máis de 7.000 traballadores e traballadoras deste sector, que levan 9 anos perdendo salario e dereitos.
Desde a FeSP UGT denunciamos a inexistenza dunha mesa de negociación cos representantes dos traballadores do ensino concertado; A Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado non existe nada máis que como unha mera mesa informativa, polo que o Sindicato Nacional de Ensino Privado da FeSP UGT rexeita as actitudes impositivas da Consellería de Educación, a inexistenza de diálogo, a intención de que ese diálogo siga sendo inexistente, a falta de respecto ás traballadoras e aos traballadores do ensino concertado, a negación dunha auténtica mesa de negociación onde se poida discutir das nosas reivindicacións seguindo o mandato constitucional do dereito á negociación colectiva. Entendemos que a petición da apertura dunha mesa de negociación é requisito imprescindible para plantexar e buscar solucións aos seguintes temas.
Complementos de cargo; a Consellería só paga dous complementos de cargo, a dirección e a xefatura de estudos, incumprindo a súa propia lexislación porque non aboa o complemento por ser coordinador do equipo de dinamización lingüística, dereito económico recollido no RD 79/2010 do Plurilingüismo tanto para os traballadores/as do ensino público como para os traballadores/as do ensino concertado.
O Acordo de Mantemento de Emprego é unha das prioridades, xa que “non temos AME dende o ano 2009, e a perda de unidades suporá un maior paro”. Patronais e sindicatos cumprimos e presentamos un borrador de acordo; a Consellería negouse a tomalo en consideración dicíndonos que eles non son unha axencia de colocación. Entre 1990 e 2009 asináronse acordos pola Administración, patronal e sindicatos que permitiron recolocar a centos de traballadores que perderan o seu posto de traballo a causa da supresión de unidades concertadas. Non é unha cuestión de cartos, é a prepotencia que destila o desprezo.
A Paga Extraordinaria de Antigüidade dos 25 anos, que non se aboa dende o 2010, sendo Galicia a única comunidade autónoma do Estado que non paga a PEA, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada.
Os diversos recortes salariais:
No ano 2010, co inicio dos recortes de dereitos e salarios,suspensión da cláusula terceira do Acordo Plurianual 2008-09-10 de 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e de calidade do ensino, quedando pendente unha revalorización do 2% do Complemento Retributivo Autonómico e 45 € por xornada completa. Este acordo foi asinado co Bipartito, aprobado en Consello da Xunta e publicado no DOG o 30 de maio de 2008.
No ano 2011 recorte do 5% no salario vía Lei de Orzamentos que se consolidou nas nóminas das traballadoras e traballadores do ensino concertado afectando á súa base de cotización.
No ano 2012 recorte do 4,5% que tamén se consolidou rebaixando as bases de cotización cando o RD 20/2012 recollía claramente que non podía afectar ás bases. Non é o mesmo quitar unha paga extra que facer unha rebaixa do salario con efectos retroactivos consolidándose en nómina afectando á base de cotización do/a traballador/a.
No ano 2013 recorte do 2,23% que tamén se consolidou rebaixando as bases de cotización.
Tendo en conta esta situación, cunha recuperación macroeconómica da que tanto fala o goberno da Xunta de Galicia, que non perciben aínda as traballadoras e traballadores, entendemos que é o momento de abordar desde a responsabilidade estas cuestións, empezando por eliminar na próxima Lei de Orzamentos para o ano 2019, o parágrafo terceiro do artigo 53.2 e a disposición adicional novena que posibilite empezar a negociar un acordo de abono da PEA ou un calendario de recuperación salarial, sen esquecer a posibilidade de facer unha modificación do regulamento de funcionamento da CTEPC para que sexa unha verdadeira mesa de interlocución do sector.
Por todo isto:
Grazas por estar, por apoiar, porque sabemos que seguiredes estando, porque aínda non conseguimos nada e non podemos deixar de loitar.
E agora?
- Agardar a que o conselleiro nos chame para empezar a negociación.
- Se non nos chama, faremos o necesario para que nos chame.
- Se nos recibe pero non hai propostas de negociación erguerémonos da mesa e analizaremos os seguintes pasos a dar e esperamos que ti esteas ao noso lado.
Non descartamos mobilizacións moito máis contundentes.
VIDEO DA CONCENTRACIÓN:
https://www.facebook.com/fespugtensino/videos/988330564658704/
https://youtu.be/lNO8OTyPRwY
TODA A INFORMACIÓN NO SEGUINTE ENLACE