Actualidad y noticias

23/01/2018
ABERTA A CONVOCATORIA PARA A SEXTA EDICIÓN DO PREMIO Á INNOVACIÓN EDUCATIVA ESCOLA VIVA

O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia e Escola Viva anunciaron hoxe en rolda de prensa a convocatoria da sexta edición do Premio á Innovación Educativa Escola Viva. O prazo para a presentación dos traballos queda aberto ata o próximo día 26 de abril.

 

O presidente da asociación Escola Viva, Raúl Gómez Farto, e a secretaria xeral da Federación de empregados e empregadas dos Servizos Públicos (FeSP-UGT Galicia), Delia Irene Martínez, presentaron hoxe estes premios, que xa van pola súa sexta edición e que teñen como obxectivo recoñecer o labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadoras nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado.

 

Neste senso, Irene Martínez manifestou a satisfacción de FeSP-UGT Galicia por colaborar nesta iniciativa que “recoñece aos traballadores e traballadoras a súa innovación e actualización constante do seu contido profesional”, aínda que considera que debería ser a Administración quen o fixera.

 

Pola súa banda, Raul Gómez, destacou que estos premios, que van pola sexta edición, xa son un clásico en Galicia, “tanto polo contido da súa convocatoria coma polos importantes premios que se conceden, grazas principalmente ao esforzo de FeSP-UGT”. Ademais, o presidente de Escola Viva recordou que se está a chegar a un importante número de centros, docentes e escolares: “Na última edición participaron máis de 45 centros, que son máis de 900 profesores e 15.000 alumnos e alumnas”.

 

Todos os interesados poderán presentar os seus traballos dende xa ata o próximo día 26 de abril no que remata o prazo. A resolución darase a coñecer o 9 de maio. Poderán presentarse a este premio profesores de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria, Ensinanzas Artísticas e de Réxime especial e Formación Profesional de centros públicos e concertados. O primeiro premio terá unha contía de 2.000 euros, mentres que o segundo recibirá 1.000 euros. Os traballos educativos que se presenten ao devandito premio deberán versar sobre os seguintes ámbitos: aprendizaxe participativo e colaborativo, atención á diversidade, convivencia, educación ambiental, TICs, linguas estranxeiras e ensinanzas artísticas. 

 

2017. O proxecto “A vida no acuario” de Sonia Sánchez Guerra, do CEIP Plurilingüe da Serra de Outes recibiu o pasado ano o primeiro premio da quinta edición dos Premios á innovación educativa “Escola Viva”, mentres que o segundo premio foi para “A cooperativa Riomaior, a cooperación fai a unión”, de Beatriz Somoza Pires e Verónica Paz Souto, do CEP Plurilingüe Riomaior  de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa).

 


Documentos adxuntos a este artigo: BASES  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia