Actualidad y noticias

20/10/2017
FeSP-UGT ENSINO CONDENA A MALA XESTIÓN DA ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA COS CENTROS AFECTADOS POLOS INCENDIOS FORESTAIS

 FeSP-UGT Ensino denuncia o lamentable abandono por parte da consellería da meirande parte dos centros educativos afectados pola onda de incendios do domingo 15 de outubro; deixando aos equipos directivos e ao profesorado sos ante situacións de risco para a saúde e sen instrucións concretas de actuación.

 Dende o 17 de outubro algúns centros coma o CEIP Pazo da Mercé de As Neves atópase nunha situación precaria para o alumnado e para o profesorado, consecuencia directa do incendio que asolou o concello o pasado domingo. Entre outras deficiencias, teñen falta de auga o que repercute na hixiene dos baños e do resto do centro e, sobre todo, no servizo de cociña que tivo que poñer de menú bocadillos, chocolatinas e froita previndo que isto se dilate na xornada de hoxe venres. 

No mesmo municipio o IES, que se mantivo pechado un día máis por falta de luz, atópase nunhas condicións semellantes (falta de auga intermitente) tendo que aportar o Concello botellas de auga para que o alumnado puidera beber de xeito frecuente, tal e como aconsellan as autoridades sanitarias nestes casos.

Por todo isto as xornadas destes días nalgúns centros educativos de Ourense, Pontevedra e Lugo están sendo totalmente caóticas xa que que o alumnado está nunhas condicións dubidosas de salubridade, faltaron liñas de autobús, e onde incluso os docentes tiveron serias dificultades na estrada para poder chegar ao seu posto de traballo.

Polo tanto, dende FeSP-UGT Ensino denunciamos que, unha vez máis, non se tomen as medidas preventivas necesarias para garantir a saúde do alumnado e dos traballadores e traballadoras dos centros e esiximos a Consellería de Educación que asuma a súa responsabilidade, apoie á comunidade educativa e que se acondicionen para a vindeira semana TODOS os centros educativos afectados para garantir a hixiene básica dos centros e a saúde do alumnado e do profesorado.

 


Documentos adxuntos a este artigo: NP centros escolares - incendios  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia