Actualidad y noticias

02/02/2017
Rexistros de xornada inadecuados para centros educativos concertados

Hai centros que están esixindo aos traballadores cubrir un rexistro de xornada que non se adecúa a idosincrasia dos centros educativos concertados. O emprego destes rexistros ten a finalidade de establecer un control de entrada e saída e, sobre todo, de realización de horas complementarias e extraordinarias. Non confundir horas complementarias con non lectivas.

 

No VI Convenio Colectivo de Empresas de Ensino Privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, nos Arts. 25, 26 e 27, que regulan a xornada de traballo do persoal docente, distínguese entre horas dedicadas a actividade lectiva e horas dedicadas a actividades non lectivas, distinción que non se contempla nos modelos de rexistro que se están empregando en diversos centros. Polo tanto, para axustarse á lei,  o número de horas rexistradas por cada docente debe coincidir co número de horas que por contrato lle corresponden, lectivas e non lectivas (estas calculanse en proporción ás lectivas) e que, en todo caso se deben axustar ao establecido no citado convenio.

 

Respecto ás actividades non lectivas debemos lembrar que o convenio establece que “se entenden por actividades non lectivas, todas aquelas que efectuadas na empresa educativa teñan relación co ensino tales como: a preparación de clases, os tempos libres que poidan quedar ao profesor entre clases por distribución do horario, as reunións de avaliación, a preparación de traballos de laboratorios, as entrevistas con pais de alumnos, bibliotecas, etc” (Art 25). 

Do anterior dedúcese necesariamente que o docente, para poder adicar todo o tempo previsto no Art. 26 do citado convenio a actividades non lectivas, debe “estar” no centro para poder realizalas. Negarlle ese dereito equivalería a impedirlle cumprir coa obrigación, estipulada no convenio, de adicar un determinado número de horas a actividades non lectivas. Con moita máis razón se falamos dos tempos libres que quedan ao profesor entre clases por distribución do horario.

 

Así pois, se ben é certo que as empresas teñen dereito a controlar a hora de entrada e saída dos seus traballadores, tamén é certo que as horas rexistradas deben adecuarse ao establecido na lexislación vixente.  Polo tanto, o modelo de rexistro empregado polas empresas debe servir para computar as horas dedicadas a actividades lectivas e non lectivas e nel debería figurar o  número de horas segundo contrato do traballador.

FeSP-UGT  aconsella aos traballadores que, se no modelo de rexistro que lle presente a súa empresa non aparece esta diferenciación,  no apartado de observacións especifiquen o número de horas dedicadas a actividades lectivas e non lectivas, pois, de non facelo así non se axustarían á legalidade vixente.

 


Documentos adxuntos a este artigo: Rexistros de xornada inadecuados na concertada  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia