Actualidad y noticias

07/12/2016
ABERTA A CONVOCATORIA PARA A QUINTA EDICIÓN DO PREMIO Á INNOVACIÓN EDUCATIVA ESCOLA VIVA

O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia e Escola Viva anunciaron hoxe en rolda de prensa a convocatoria da quinta edición do Premio á Innovación Educativa Escola Viva. O prazo para a presentación dos traballos queda aberto dende hoxe ata o próximo día 17 de marzo.

 

O presidente da asociación Escola Viva, Raúl Gómez Farto e o secretario do Sector de Ensino de FeSP-UGT, Gerardo Morano, presentaron hoxe estes premios, que teñen como obxectivo recoñecer o labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadoras nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado. 

 

Raul Gómez Farto explicou que esta asociación naceu no ano 1983 co obxectivo de renovar e manter “vivo” o sector educativo e para iso fixéronse publicacións, cursos, xornadas, seminarios… “e tamén se convocou este premio no curso 2003-04”. Celebráronse dúas edicións consecutivas e volveuse a convocar no 2014/15, polo que, desde entón,  esta é a terceira convocataroria consecutiva (14/15, 15/16, 16/17).

 

Todos/as os/as interesados/as poderán presentar os seus traballos dende xa ata o próximo día 17 de marzo no que remata o prazo. A resolución darase a coñecer o 26 de abril. Poderán presentarse a este premio profesores de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria, Ensinanzas Artísticas e de Réxime especial e Formación Profesional de centros públicos e concertados. 

 

O primeiro premio terá unha contía de 2.000 euros, mentres que o segundo recibirá 1.000 euros. Os traballos educativos que se presenten ao devandito premio deberán versar sobre os seguintes ámbitos: aprendizaxe participativo e colaborativo, atención á diversidade, convivencia, educación ambiental, TICs, linguas estranxeiras e ensinanzas artísticas. 

 

2016. No pasado ano, o Instituto de Ensinanza Secundaria (IES) Ramón María Aller de Lalín acadou o primeiro premio á Innovación Educativa Escola Viva convocado por UGT Galicia e Escola Viva. O traballo presentado polo centro lalinense foi elexido por unanimidade polo xurado deste certame de entre 42 traballos presentados de toda Galicia. O proxecto do IES da capital do Deza leva por nome "Kale/Kela: Al son de las ciencias y las letras. Arte inclusiva" impresionou aos membros do xurado destacando "o nivel de adicación e implicación dos docentes no seu labor".

 

Informe PISA. Na rolda de prensa os xornalistas aproveitaron para preguntar sobre os resultados do informe PISA 2016, que se deron a coñecer nas últimas horas. O secretario do Sector de Ensino de FeSP-UGT, Gerardo Morano, destacou dous aspectos fundamentais: “Os resultados deste informe non amosan unha foto do momento actual, senón que é o resultado dun traballo anterior” e en concreto referiuse ao Plan Lía de bibliotecas posto en marcha polo bipartito, xa que “onde se atopan os mellores resultados en Galicia son precisamente en lectura”, destacou.

Morano non pode entender como o conselleiro Román Rodríguez quere apropiarse dun mérito que non lle pertence: “Se de alguén é mérito será dos milleiros de profesores galegos que a pesar dos recortes tanto en postos de traballo como de medios, están traballando de forma impecable, coa máxima profesionalidade e cunha gran vocación”, concluíu.

 


Documentos adxuntos a este artigo: BASES   CARTEL   np  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia