Actualidad y noticias

19/07/2016
O SECTOR DE ENSINO DE FESP-UGT GALICIA DENUNCIA QUE A XUNTA CREA NOVAS MATERIAS SEN PASAR ANTES POLA MESA SECTORIAL DE EDUCACIÓN

O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia criticou a actitude de “desprezo” da Xunta de Galicia cara ao profesorado ao anunciar en rolda de prensa a creación de novas materias de libre configuración autonómica sen tratarse con anterioridade na mesa sectorial de Educación.

 

Hai uns días o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, anunciaba en rolda de prensa xunto ao conselleiro de Educación Román Rodríguez e a secretaria xeral de Igualdade Susana López Abella, que no próximo curso os alumnos de 1º e 2º de ESO poderán cursar a materia Igualdade de Xénero, se é que o centro no que estudan a solicita. Ademais, tamén anunciaron que no próximo curso haberá dúas materias máis de libre configuración autonómica: Obradoiro de Música (en 1º de ESO e cunha carga horaria de 1 período lectivo semanal) e Electrotecnia (para 2º de Bacharelato e cunha carga horaria de 2 períodos lectivos).

 

Este sindicato manifesta o seu malestar polo feito de que “os representantes dos traballadores, é dicir, daqueles que terán que impartila sabemos exactamente o mesmo que o resto dos cidadáns sobre tan importante tema. Unha vez máis a Xunta ignora e despreza ao profesorado ao non levar este e outros asuntos á mesa sectorial de educación ou á comisión da concertada”. 

 

Igualdade de Xénero. O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia tampouco entende a actitude do Goberno autonómico con respecto á materia Igualdade de Xénero. “Na LOE existía unha materia chamada Educación para a Cidadanía, anatemizada pola intelectualidade do Partido Popular, que a consideraba unha materia para o adoutrinamento dos rapaces, un de cuxos eixos fundamentais era a Igualdade de Xénero. Pois ben, agora a Consellería de Educación descobre que non basta con tratar a Igualdade de Xénero de forma transversal, senón que necesita un tratamento específico”.

 

E o máis curioso de todo é que materia tan importante que merece un tratamento específico e unha rolda de prensa a bombo e platillo coa presenza do señor vicepresidente “quedará circunscrita a aqueles centros que queiran impartila. E nos que non? Pois non se imparte. Pola contra Educación para a Cidadanía era obrigatoria para todos os rapaces nun curso do terceiro ciclo de primaria, nun curso dos tres primeiros da ESO, e en 4º da ESO, onde se pasaba a chamar Educación Ético-Cívica”. Por iso, unha vez máis, “parécemos unha actuación cara á sociedade, pero sen aposta clara pola igualdade de xénero e sen contar cos protagonistas, que coñecemos a través dos medios de comunicación da creación desta e das outras materias de libre configuración autonómica”.

 


Documentos adxuntos a este artigo: NP IGUALDADE XENERO  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia