Actualidad y noticias

02/07/2016
O SECTOR DE ENSINO DE FESP-UGT GALICIA PROPÓN CAMBIAR AS VACACIÓNS DE SEMANA SANTA POLAS DE PRIMAVERA

O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia propón cambiar as vacacións de Semana Santa polas de Primavera, para así establecer uns períodos lectivos máis homoxéneos. Así, este período vacacional sempre estaría ubicado entre o 1 e o 10 de abril, de forma que “alumnos e docentes terían distribuídos os seus períodos de traballo e descanso dunha forma máis equitativa, o que sen dúbida sería positivo para o rendemento duns e outros”.

Esta organización sindical trasladará esta proposta á administración e a comunidade educativa para o seu estudo, ao considerar que é unha medida que beneficia a todos os sectores implicados.

Debate aberto. A Comunidade Autónoma de Cantabria modificou o calendario escolar para o curso 2016-17 establecendo cinco períodos lectivos separados por catro períodos de descanso. Esta medida abriu novamente o debate sobre a distribución dos períodos lectivos e as vacacións escolares.

O Sector do Ensino da Federación de empregados/as de Servizos Públicos de UGT Galicia considera que “os criterios pedagóxicos deben prevalecer para o establecemento do calendario escolar, sen esquecer outro criterio importante como a conciliación da vida laboral e familiar”.

Dende sempre no noso país, as festividades relixiosas condicionan o calendario escolar.  Así, hai un primeiro período lectivo, desde comezo do curso ata Nadal, que sempre vai ter máis de 60 días lectivos dos 175 días lectivos que ten o curso. Pero o principal problema radica na variabilidade no tempo das vacacións de Semana Santa, pois no Concilio de Nicea (ano 325) promulgouse que a Pascua cristiana (a Resurrección de Cristo) celebraríase  o domingo seguinte á primeira lúa chea do equinoccio de primavera, non podendo caer nunca antes  do 22 de marzo nin despois do 25 de abril. Desta maneira, podería suceder que o Xoves e Venres santos un ano poderían caer no 19 e 20 de marzo e outro ano o 23 e 22 de abril, habendo máis dun mes de diferenza entre as devanditas datas. Como é obvio isto causa que os períodos lectivos sexan moi dispares na súa duración.

O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia entende que “a oscilación no tempo da Semana Santa non debe condicionar dunha forma tan brutal a duración dos períodos lectivos, o que ten consecuencias pedagóxicas e laborais”.  Así pois, o sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia propón  que se establezan unhas vacacións de primavera que caian  sempre entre o 1 e o 10 de abril, posibilitando que haxa un equilibrio maior entre os períodos lectivos. 

Para o favorecemento da conciliación da vida familiar e laboral o Sector do Ensino de FeSP-UGT Galicia propón á Administración educativa que durante os períodos vacacionais se manteñan abertos os centros programando actividades extraescolares gratuítas, realizadas por persoas alleas ao cadro de persoal do centro para aqueles alumnos que voluntariamente queiran participar nelas.

 


Documentos adxuntos a este artigo: NP vacacions primavera  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia