Actualidad y noticias

08/06/2016
FeSP-UGT DE GALICIA DENUNCIA A FALTA DE PRAZAS NO CONSERVATORIO DE OURENSE PARA CUBRIR A DEMANDA

FeSP-UGT de Galicia solicitou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que aumente o persoal do Conservatorio de Música de Ourense (CUMS) para poder cubrir a demanda existente de prazas e ofertar así un ensino público adecuado ás necesidades da sociedade galega. A resposta da consellería foi que non había posibilidade de aumentar a dotación de recursos humanos no devandito centro, mentres que autoriza a apertura dun centro privado que absorberá a demanda existente. Por este motivo FeSP Ensino recorda que a sociedade ten dereito ao ensino público en todas as modalidades  educativas.

Hai xa anos que se evidencia unha gran demanda de alumnado no CMUS de Ourense. Aproximadamente, existe unha media de 120 alumnos/as que solicitan ingresar no conservatorio, mentres que para o vindeiro curso académico so se ofertan 23 prazas.

Curiosamente, a consellería no lugar de contratar maior número de profesorado para poder sufragar esta demanda desde os servizos públicos, autoriza a apertura e funcionamento dun centro privado con 280 prazas que vai absorber a demanda existente; favorecendo única e exclusivamente a aqueles que poidan permitirse o luxo de pagar as cotas mensuais establecidas.

 

Na mesa sectorial do ensino público do día 7 de xuño, onde se reúnen todas as organizacións sindicais coa administración, a FeSP-UGT de Galicia manifestou a necesidade de aumento de profesorado no CMUS de Ourense, obtendo por resposta que non hai posibilidade de aumentar a dotación de recursos humanos en dito centro.

A día de hoxe sabemos que esta contestación atende á intención de privatizar as ensinanzas artísticas na nosa comunidade; polo que esta organización manifesta a necesidade de defender o dereito ó ensino público en todas as modalidades  educativas e insta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a que reconsidere a posibilidade de aumentar a plantilla docente no CMUS de Ourense.

 

 

 

 


Documentos adxuntos a este artigo: NP CUMS OURENSE  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia