Actualidad y noticias

03/06/2016
UNIVERSIDADE:PROPOSTAS DO SECTOR DE ENSINO DE FESP-UGT PARA MODERNIZAR E CONSEGUIR UNHA MELLORA CONTINUA DO SISTEMA UNIVERSITARIO PÚBLICO ESPAÑOL

Reclamamos aos partidos políticos que concorran ás próximas eleccións do 26 de xuño de 2016 que as teñan en consideración e as incorporen aos seus programas electorais.
Ante unha nova convocatoria de eleccións xerais, o sector do Ensino da Federación de Empregadas/os de Servizos Públicos (FeSP-UGT) esixe un compromiso real aos partidos políticos para que a Educación estea no centro da acción política, converténdoa nunha prioridade de Estado.

1.- DESENVOLVEMENTO DO ESTATUTO DO PDI.
Non só é unha cuestión legal -disposición adicional sexta LOMLOU-, senón que é a ferramenta necesaria para que o persoal docente do SUPE (Sistema Universitario Público Español) teña as mesmas condicións de promoción que ten a maioría dos traballadores da Administración Pública.
Actualmente, aínda que o PDI cumpra de forma extraordinaria co seu labor (docencia-investigación-transferencia), non consegue ningún tipo de promoción. Este feito xera no profesorado unha falta de incentivos importante, que de ningunha maneira é boa para o Sistema Universitario. Atopámonos as seguintes situacións: o Profesorado Axudante doutor (con contratos laborais temporais), que están acreditados a categorías superiores, en situación de precariedade laboral; o Profesorado Contratado Doutor acreditado a Titular non ten promoción interna nin horizontal nin vertical, exactamente como o Profesorado Titular acreditado a Catedrático, que tampouco ten promoción interna horizontal nin vertical, e o Profesorado Catedrático unha vez o é tampouco ten ningunha promoción horizontal.
O Estatuto do PDI ten que permitir a modernización das Universidades en canto ao seu Persoal Docente e Investigador así como a maior eficacia e eficiencia no seu labor. Débese determinar o acceso á carreira profesional, PDI funcionarios versus laborais, a promoción interna tanto vertical como horizontal e a orientación docente, mixta ou de investigación do PDI, de forma que as/os mellores en cada campo se dediquen precisamente, en maior medida, á súa excelencia.

2.- O MAPA DE TITULACIÓNS, LIGADO AO FINANCIAMENTO DAS UNIVERSIDADES E A PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA A MEDIO-LONGO PRAZO.
É necesario que se defina o mapa de titulacións, os tipos de Universidades do Sistema Universitario Público Español e que as Universidades teñan un financiamento suficiente e planificado no tempo para cumprir co seu labor académico e de servizo á sociedade.

3.- TAXA DE REPOSICIÓN E RELACIÓN POSTOS DE TRABALLO (RPT).
Eliminación da taxa de reposición das universidades. A taxa de reposición afecta dunha maneira moi importante aos futuros traballadores das universidades, así como ás propias universidades. O efecto sobre o persoal (PAS e PDI) é que son contratados de forma temporal e ás veces con contratos "alegais", e o efecto sobre as Universidades é que dificilmente poden definir o seu persoal estable (RPT). FETE coincide coa Comisión Mixta para as Relacións co Tribunal de Contas, onde se indica (puntos 3 e 8) a necesidade de que as Universidades elaboren as súas Relacións de Postos de Traballo (RPT) e concretamente no punto 8 indica “diferenciando claramente entre funcións docentes e investigadoras”. Para FeSP-UGT, isto só se pode conseguir desenvolvendo o Estatuto do Profesorado en que se definan as orientacións académicas (docente, mixta e investigadora)

4.- OS CRITERIOS, PREZOS E A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES (BOLSAS) PARA O ACCESO AOS TÍTULOS UNIVERSITARIOS E OS PROCEDEMENTOS DE AVALIACIÓN TANTO DO ESTUDANTADO COMO DO PERSOAL DAS UNIVERSIDADES.
Os prezos públicos universitarios deben estar ligados a unha política de bolsas que permita ao estudantado poder realizar os seus estudos con liberdade de mobilidade e que lle permita escoller a Universidade (ou centro) que máis se identifique coas súas habilidades académicas (docencia vs investigación). FETE considera que un desenvolvemento profundo neste tema, pode conseguir aumentar a eficacia e a calidade do noso sistema universitario.

5.- INCENTIVAR OS IDIOMAS (BASICAMENTE O INGLÉS) PARA ASPIRAR A INTERNACIONALIZACIÓN DAS NOSAS UNIVERSIDADES:
Deberase desenvolver un plan de promoción e axuda económica ao profesorado e ao PAS para incentivar o seu coñecemento do inglés, para que unha maioría do persoal das universidades teña un perfecto dominio desta lingua como elemento chave na internacionalización do Sistema Universitario e para fomentar a mobilidade do seu persoal.

 


Documentos adxuntos a este artigo: FETE-INFORMA: PROPOSTAS FeSP-UGT PARA UNIVERSIDADE  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia