Actualidad y noticias

20/03/2016
FETE-UGT GALICIA REXEITA A ACTITUDE TRIUNFALISTA DO CONSELLEIRO E INSISTE NA INEXISTENCIA DE RECURSOS PARA LEVAR ADIANTE O PLAN DE CONVIVENCIA

FETE-UGT manifestou, no pleno do Consello Galego de Convivencia Escolar, a súa preocupación pola inexistencia de recursos para levar adiante os plans de convivencia nos centros educativos. O pleno tivo lugar este pasado  venres e no transcurso do mesmo o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou o informe de diagnose realizado en base ás enquisas realizadas a familias, alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos (PAS). Esta enquisa elaborouse no fin do primeiro trimestre deste curso 2015-2016.

 

O secretario xeral de FETE-UGT Galicia, Raúl Gómez Farto, manifestou no pleno do Consello a improcedencia do procedemento da presentación deste informe, así como o ninguneo á comisión permanente que debería terse reunido antes de trasladar ao pleno o devandito informe.

 

       FETE-UGT, que non entende a actitude triunfalista do conselleiro, manifestou “a nosa esixencia á Consellería de asignación de máis medios por levar adiante os plans de convivencia dos centros, sobre todo profesorado con adicación ás comisións de convivencia e ás aulas de convivencia inclusiva, que só funcionan, alí onde existen, con profesorado de garda”. Tamén se fixo constar o exceso de burocracia que se descarga sempre sobre o profesorado.

 

Participación desigual. Maila loubanza do informe por parte do Conselleiro e máis do Director Xeral de Educación  e FP, constátase o fracaso de participación dos sectores implicados nomeadamente das familias (só participou o 8%) e do profesorado (participa unicamente o 42%) e PAS (25%). Unicamente as direccións dos centros teñen unha participación alta (90%). O alumnado, segundo datos facilitados polo informe participou nun 74%.

 

Son de destacar os datos que amosan unha preocupación por parte do profesorado que percibe a existencia de conflitos nun 57%. O informe constata que un 20% do alumnado está afectado dalgún xeito por problemas, máis ou menos graves de convivencia.

Lembróuselle á Consellería que xa tiñan que estar constituídas dende o inicio de curso as comisións de convivencia e non o están. E tamén tiñan que estar confeccionados os plans de convivencia dende xaneiro deste ano e tampouco existen, polo menos, na máis grande parte dos centros.

 

Así mesmo, FETE-UGT de Galicia manifestou que o Consello Escolar de Galicia emitira un informe cunha serie de consideracións de mellora para a convivencia escolar que non se tivo en conta. Destacou que a disposición adicional 8ª do decreto de convivencia prescribe que non haberá aumento do gasto para poñer en marcha os plans de convivencia, “situación que cualificamos de lamentable”.

O Conselleiro unicamente tivo boas palabras, en liña electoralista, prometendo valorar as nosas aportacións pero sen comprometerse a aportar máis medios para os plans de convivencia escolares.

 

 


Documentos adxuntos a este artigo: consello convivencia  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia