Actualidad y noticias

09/12/2015
ABERTA A CONVOCATORIA PARA A CUARTA EDICIÓN DO PREMIO Á INNOVACIÓN EDUCATIVA ESCOLA VIVA

FETE-UGT Galicia e Escola Viva anunciaron hoxe en rolda de prensa a convocatoria da cuarta edición do Premio á Innovación Educativa Escola Viva. O prazo para a presentación dos traballos quedan aberto dende hoxe ata o próximo día 18 de marzo.

 

O secretario xeral de FETE-UGT Galicia e presidente da asociación Escola Viva, Raúl Gómez Farto, e o representante do Ensino Público, Rafael Domínguez presentaron hoxe estes premios, que  teñen como obxectivo recoñecer o labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadoras nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado. Raúl Gómez Farto explicou que este premio, promovido por ambos colectivos, naceu na década dos noventa, pero que se abandonou trala segunda edición para centrarse noutros aspectos. “O pasado ano, ao apreciar a desmotivación do profesorado ante os recortes que están a soportar, pensamos que era o momento de retomar estes premios e a resposta foi moi positiva”.

 

Por iso decidiron continuar este ano e ademais “dobrando os premios”. Todos os interesados poderán presentar os seus traballos dende xa ata o próximo día 18 de marzo no que remata o prazo.  A resolución darase a coñecer o 21 de abril.

 

Poderán presentarse a este premio profesores de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria, Ensinanzas Artísticas e de Réxime especial e Formación Profesional de centros públicos e concertados. O primeiro premio terá unha contía de 2.000 euros, mentres que o segundo recibirá 1.000 euros. Os traballos educativos que se presenten ao devandito premio deberán versar sobre os seguintes ámbitos: aprendizaxe participativo e colaborativo, atención á diversidade, convivencia, educación ambiental, TICs, linguas estranxeiras e ensinanzas artísticas.

 

Na edición do pasado ano presentáronse un total de 42 traballos de centros de toda Galicia e resultou gañador “Disfruta e baila ao son do xograr” do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria.

 


Documentos adxuntos a este artigo: BASES PREMIO ESCOLA VIVA   CARTEL PREMIO  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia