Actualidad y noticias

20/11/2015
O 26 DE NOVEMBRO, MESA REDONDA PARA COÑECER AS PROPOSTAS EDUCATIVAS DOS PARTIDOS POLÍTICOS PRESENTES NO PARLAMENTO GALEGO

O próximo día 26 de novembro (18:30 horas) celebrarase a  mesa redonda “Perspectivas da Educación en Galicia”, na que os voceiros de Educación dos partidos políticos presentes no Parlamento Galego informarán sobre cal é a súa proposta educativa para Galicia.

 

Esta iniciativa foi promovida pola  Plataforma en Defensa do Ensino Público, que está configurada polas organizacións CCOO, UGT, CONFAPA, SE, IESGA e Escola Viva, en representación de toda a comunidade escolar galega. Hoxe tivo lugar a rolda de prensa para presentar este acto e na mesma participaron Rafael Domínguez (FETE-UGT Galicia), Luz López (CCOO Ensino) e Lois Taboada (CONFAPA).

 

A representante de CCOO Luz López recordou que dende que foi presentado o borrador da LOMCE a Plataforma en Defensa do Ensino Público comezou a súa actuación para dar a coñecer á sociedade as características desta lei: “Logramos o compromiso de todos os partidos políticos menos PP e UPyD de derrogar a LOMCE se chegan ao goberno. Agora queremos dar un paso máis alá e saber cal é a súa proposta educativa para Galicia”. E isto será o que coñeceremos o próximo día 26 na mesa redonda, na que participarán os portavoces de Educación de todos os partidos presentes no Parlamento Galego: “Queremos saber cal é a súa proposta educativa, que porcentaxe do PIB van a dedicar á educación, que dotación de medios, se os servizos complementarios van ser gratuítos...”.

 

Rafa Domínguez, de FETE-UGT, insistiu en que “estamos nun momento crucial se de verdade queremos cambiar o rumbo da educación do noso país. Parécemos importante e oportuno coñecer o análise dos partidos sobre a situación actual e cales son os seus plans de futuro”.

 

Pola súa banda, Lois Taboada (CONFAPA) destacou que “o máis positivo da LOMCE foi que logrou a unidade do conxunto da comunidade educativa na súa contra “ e considera que esta mesa redonda previa ás eleccións moi interesante xa que “desta reflexión poden xurdir elementos para establecer o proceso de diálogo en busca dun pacto en materia de educación”.

 

Mesa redonda. A mesa redonda celebrarase o próximo día 26 de novembro (18:30 horas) na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) e na mesma xa está confirmada a presenza de todos os partidos políticos representados no Parlamento Galego. Asistirán os voceiros de Educación dos diferentes grupos parlamentarios: Hipólito Fariñas (PP), Vicente Docasar (PSdeG-PSOE), Cosme Pombo (BNG) e Ramón Vázquez (AGE). 

 

Será un acto aberto ao público e no que despois dunha exposición inicial por parte dos invitados, haberá coloquio e debate co público. O obxectivo da mesma e coñecer as propostas dos diferentes partidos políticos para a Educación cara aos próximos anos,a pouco tempo das eleccións xerais e autonómicas.

 

 

 


Documentos adxuntos a este artigo: NP MESA REDONDA  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia