Actualidad y noticias

23/10/2015
A PLATAFORMA “RECUPEREMOS O QUE NOS QUITARON” ESIXE PARA O ENSINO CONCERTADO A RESTAURACIÓN DO SALARIO DO 2010

Hoxe celebrouse en Santiago de Compostela a rolda de prensa de presentación da campaña na que participaron Rodolfo Castro Fernández (FSIE), Gerardo Morano Díaz (FETE-UGT Galicia), Manuel Lage Alonso (CCOO Ensino), Pedro Nozal Cantarero (FEUSO) e Xose Lois Rivera Jacome (CIG). Neste encontro cos medios de comunicación, os representantes sindicais explicaron que esta plataforma xurde como resposta ao anuncio da Xunta de que se devolverá parte da paga extra aos funcionarios, porque “aos traballadores do ensino concertado non se lles retirou unha paga extra no ano 2012, senón que foi o 4,5% do salario, situación que se mantivo ata agora”. Ademais, aos recortes do ano 2012, hai que sumarlle os que xa se fixeran nos anos 2010 e 2011 o que supón que “dende o ano 2010 os traballadores do ensino concertado vimos como o noso salario minguou en máis dun 12% debido aos recortes efectuados polos gobernos centrais e autonómicos”. Por iso, que “o feito de que a Xunta anuncie que nos van a devolver parte do nos que recortou en 2012 non é máis que unha esmola de carácter electoralista”. 

 

É para demostralo, Gerardo Morano, de FETE-UGT, insistiu nas cifras: “Un  mestre de primaria perdeu 3.500 euros, mentres que un de secundario deixou de recibir 4.098 euros, o cal é moito máis que unha paga extra”.

Os representantes sindicais explicaron que “non só houbo recortes salariais moi importantes, senón tamén recortes de dereitos. Por todo iso, decidimos unirnos as cinco organizacións sindicais e poñer en marcha esta recollida de sinaturas”. 

 

O obxectivo desta acción, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro, é “a devolución da parte do noso salario recortado e a RESTAURACIÓN do salario que percibiamos en 2010; un novo acordo de mantemento de emprego e un acordo para o aboamento da paga de antigüidade na empresa”. Ao remate da campaña de recollida de sinaturas, esta plataforma solicitará unha reunión con conselleiro para facerlle entrega das mesmas e solicitar resposta ás súas reivindicacións.

 

Ademais, os dirixentes sindicais insistiron na falta de disposición da Xunta a falar: “Existe unha comisión tripartita do ensino privado/concertado que non convocan e a decisión de devolver esa porcentaxe do que se nos recortou no 2012 non foi comunicada en ningún momento. Por iso, despois de ver o anuncio na prensa, pedimos unha reunión  desta comisión tanto por parte das organizacións sindicais coma empresariais”.

 


Documentos adxuntos a este artigo: manifesto  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia