Actualidad y noticias

27/04/2015
FETE-UGT GALICIA, NA COMISIÓN PERMANENTE DO CONSELLO DE CONVIVENCIA DE GALICIA

Durante o acto de constitución deste organismo, o representante de FETE-UGT criticou “a falta de orzamento e recursos para que este órgano e os consellos de convivencia dos centros escolares funcionen de verdade” e solicitou un orzamento para a formación do profesorado en materia de convivencia.


 No transcurso da reunión, o Conselleiro presentou e fixo entrega dun documento titulado "Educonvives.gal-Estratexia Galega Convivencia Escolar-2015-2020". Posteriormente procedeuse á constitución da comisión permanente, na que o secretario xeral de FETE-UGT Galicia, Raul Gómez Farto, figura coma representante dos sindicatos do profesorado.


Así, no apartado de rogos e preguntas, tomou a palabra o Secretario xeral de FETE-UGT de Galicia, para agradecer aos demais representantes sindicais a proposta ao pleno para que FETE-UGT formara parte da permanente, e ao mesmo tempo deixar constancia das seguintes consideracións:


-Lamentar que se teña nomeado para a permanente unha representante das familias do ensino privado concertado, cando democraticamente lle correspondería ao representante dos centros públicos (ausente no pleno), dado que a escolarización é moi maioritaria neste sector. Instamos ao Sr. Conselleiro a corrixir esta disfunción.


-Rexeitar a LOMCE polo que significa de mingua na participación e xestión dos centros escolares, nomeadamente nas funcións do claustro do profesorado e no consello escolar, así como na selección e nomeamento das direccións dos centros.


-Lamentar os recortes en materia de atención á diversidade e nos departamentos de orientación que perturban a convivencia escolar.


-Deixar constancia de que o ditame preceptivo do Consello Escolar de Galicia para o decreto 8/2015, recomendaba 26 emendas ao mesmo e a Consellería só estimou 5 e unha parcialmente. Denota polo tanto, un mal comezo para este órgano.

 
-Esixir un orzamento para a formación do profesorado en materia de convivencia.


-Denunciar a falta de orzamento e recursos para que este órgano e os consellos de convivencia dos centros escolares funcionen de verdade.


-Lamentar a parálise dos gabinetes de riscos laborais e a falla da avaliación de riscos dos centros.


-Instar á Consellería para que a documentación que se teña que tratar e debater no Consello de Convivencia se envíe con tempo suficiente para ser estudada e así se poidan facer as aportacións e as emendas de xeito eficaz.

FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia